SOBRE NÓS

Co obxectivo de promocionar unha actividade que esmorece, apostando conxuntamente pola artesanía clásica da madeira pero sen deixar de lado a innovación naceu en Narón a Asociación de Torneiros da Madeira "Virutas". Patrocinados pola Ferretería Canaima, esta nova entidade conta con varios amigos e afeccionados a esta arte que poñen en común coñecementos, sede, material, tempo e o seu afán de ensino e promoción deste traballo artesanal. 


Adolfo Mira, presidente desta asociación, xubilado de Astano e agora tamén torneiro, cruzou a porta do traballo coa madeira fai, como ben apunta el, "pouco tempo...cinco ou seis anos, pero dedícolle moitas horas". Unha afección que comparte agora cos seus compañeiros da xunta directiva - Juan Carlos Pajón (secretario); Pablo Pérez (tesoureiro); José Manuel Pedrós e Miguel Rebaque, (vocais). 

Uns pasos cos que esta asociación espera axudar e facilitar a os interesados a "facer moitas virutas". Para iso Ferretería Canaima pon a disposición da asociación unhas instalacións na súa nave do Camiño de Basanta (Ferrol), taller no que os asociados comparten material e coñecementos. Unha demostración na feira organizada precisamente por este establecemento abriu a porta á creación desta entidade, xa que o traballo que o presidente da asociación a cabo o pasado mes de outubro provocou unha "choiva" de interesados por este traballo da madeira.

Mais de 50 persoas interesándose por facer a formación e foi ai cando soubemos que tiñamos que ter unha estrutura para a impartición de futuros cursos. E así, co mecenazgo de CANAIMA, plantouse a semente de ATM VIRUTAS, unha entidade coa que queremos ir creando unha cultura na zona.